17.1.22

 

 

 

No arco da vella

das pombas nas ás

nos ollos dos nenos,

no canto das nenas

nacerá da terra

a flor de tres pétalos;

a máis desexada,

a flor máis fermosa.

Cultívaa no teu corazón!


Na luz dunha estrela,

no voo das pombas,

nos ollos das nenas,

no canto dos nenos

medrará no mundo

a flor de tres letras,

que ha borrar as sombras

coa forza do Amor.

Tan só unha palabra.

Que aniñe no teu corazón!


                  Xoán Neira, Farrapos de nube, Baía Edicións

14.1.22

A buxaina



A buxaina


Baila arredor

da punta do pé,

faino ao dereito

e tamén ao revés.


É de madeira,

está feita de buxo,

xira moi axiña

coma un aturuxo.


Baila ao son da música,

na cabeza un sombreiro

e remata nun botón

coa punta de aceiro.


Este xogo tan fermoso,

da buxaina lixeira,

é un baile rápido,

coma o da muiñeira.


Dá un pequeno brinco,

cando a solta do lazo,

queda virando no chan,

ou baila no meu regazo.


Cando está cansa,

de xirar e xirar,

cae cara a un lado,

e ponse a descansar.

                  Mª Canosa, Vagalume de versos, Galaxia

       

25.10.21

 

O SAMAÍN

Era noite de trebón

nun vello e mouro castelo,

a auga caía a chuzos

e os lóstregos a centos.

 

Bule, bule, bule, bule,

bailan, bailan os espectros,

bailan, bailan esqueletos,

sapos, monstros e morcegos.

 

Bailan, bailan as pantasmas,

monstros, bruxas e curuxas.

Bule, bule que aínda é cedo

e hoxe toca pasar medo.

                  Grupo Mamá Cabra

 

 

 

 

 

 

 

 

As imaxes e ilustracións de este blog teñen un carácter educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor, facedenolo saber, para retiralas axiña.
Grazas