Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Garcìa Teijeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Garcìa Teijeiro. Amosar todas as publicacións

24.10.22

As choivas no calendario

 

Chove en xaneiro                      Chovisca en xullo

sobre a campía.                          sobre a dozura.

Choiva moi mesta.                     Choiva-salouco.

Choiva moi fría.                          Choiva miúda.

 

Chove en febreiro                       Chove en agosto

encol da terra.                              sobre as tronadas.

Choiva que laia.                           Choiva rugosa.

Choiva que berra.                        Choiva amoucada.

 

Chovisca en marzo                    Chove en setembro

contra as esquinas.                    contra as xanelas.

Choiva lixeira.                           Choiva que esvara.

Choiva ben fina.                        Choiva que enlea.

 

Chove en abril                            Chove en outubro

sobre as chorimas.                      Sobre o silencio.

Choiva de vidro.                         Choiva saudosa.

Choiva-andoriña.                       Choiva-misterio.

 

Chovisca en maio                      Chove en novembro

na madrugada.                          sobre as lembranzas.

Choiva quentiña.                       Choiva que voa.

Choiva calada.                           Choiva que danza.

 

Chovisca en xuño                      Chove en decembro

sobre as fogueiras.                    sobre a xeada.

Choiva enmeigada.                   Choiva friorenta.

Choiva algareira.                      Choiva nevada.


                 "Chove nos versos", Antonio García Teijeiro

 

20.1.15

A terra durmida



A terra dormida,
sentiu no seu seo
disparos de chumbo 
disparos de xeo.

Moreas de nenos,

Co seu agarimo,
Fixeron da guerra
Un mar de aloumiños.

E foron as nenas

deitando dozura
as que converteron
o medo en ternura.

A terra, durmida,

non quere espertar.
Está moi ferida
non pode xirar.

Meniñas,meniños

de tódalas cores
cubriron a terra
de beixos e flores.

A terra abre un ollo

e sente calor.
Escoita baixiño 
sonatas de amor.
E xira que xira
coitada ,a modiño,
rapazas,rapaces,
co voso cariño.

Antonio García Teijeiro

"Construir a Paz".Seminario Galego Pola Paz.

19.2.14

NO MES DO AMOR, UN POEMA DE BICOS:



Un bico porque
                                                  si
Un bico porque
                    non
Un bico coma o
                    lume
Un bico cora-
                    zón
Un bico porque
                    re
Un bico porque
                    dó
Un bico porque
                    la
Un bico porque
                    sol
Un bico dó re
                    mi
Un bico acorde-
   ón
       Un bico dó si
                           fa
       Un bico percu-
                           sión
       Un bico porque
                   si
               Un bico, por que
                    non?

                         ( ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO )


12.1.14

Ventos


Que veña o vento fungón,
Que lle quero pero preguntar
A cor dos ollos das nubes,
A cor dos ollos do mar.
Eu coido que son azuis
Verdes, grises, de cristal,
Mais calquera cor que teñan
Será sempre a cor da paz.

Antonio García Teijeiro
Ventos. Ed. Xerais

10.11.08

O RATO E MAILA LÚA


UN RATO DÍXOLLE Á LÚA:
-NUNCA REPARAS EN MIN;
POR ESO VIVO NA RÚA
METIDO NUN CALCETÍN.

ELA FITOUNO ABRAIADA.
DÉRONLLE GANAS DE RIR.
DAQUELA APAGOU A LÁMPADA
E DISPÚXOSE A DURMIR.


POLO DESPREZO DA LÚA,
O RATIÑO ALPORIZADO,
BERROULLLE CON MOITA FORZA:
- XA NON ESTOU NAMORADO!

Antonio García Teijeiro."O libro dos cen poemas".Seleccción de Marisa Núñez e Álvarez Cáccamo.

13.1.08

A TROMPETA


A TROMPETA
EA
EA
¡QUE BEN SOA!
TROMPETEA.
SOA SECA,
SOA LEDA
EA
EA
TROMPETEA.
¡QUE TROMPETA
TAN SINCERA
TAN HUMILDE
TAN SINXELA!
VOZ DOURADA
VOZ MARELA
VOZ QUE SEMPRE
TROMPETEA.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO."Aire sonoro".Ir Indo

NACHO FALGUERAS."Bodegón con trompeta"

22.11.07

CHOVENDO A MARES




CANDO CHOVE

NAS MEIXELAS

CORREN PINGAS

POLA TERRA.






CANDO CHOVE
NOS OUTEIROS
BAIXAN RÍOS
ALGAREIROS.



CANDO CHOVE
NOS PENEDOS
APARECEN
CERTOS MEDOS.

CANDO CHOVE
NOS SOLPORES
NACEN MORNOS
OS AMORES.

CANDO CHOVE
NO CANTIL
DORME MAIO
CON ABRIL.


CANDO
CHOVE
CHOVE
CHOVE
AS GAIVOTAS
NON SE MOVEN.


CANDO
CHOVE
CHOVE
CHOVE
ATA OS PEIXES
DIN QUE CHOVE.


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO."Chove nos versos".Xerais









6.11.07

OUTONO


Outono
ten sono
Non pode durmir

Ponlle unha mantiña

que se queda axiña

sereno
e
feliz.


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO."As catro estacións".Árbore.

1.11.07

HABÍA UN VENTIÑO







Había un ventiño

que non tiña ollos.
Había outro vento
con cara de tolo.




Había un ventiño
vestido de azul.
Había outro vento
que viña do sur.




Había un ventiño
con gafas de prata.
había outro vento
con gafas de nácara.

Os ventos que había
están a durmir.
Calade,meniños
a noite é feliz.
Antonio García Teijeiro."Ventos".Xerais
As imaxes e ilustracións de este blog teñen un carácter educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor, facedenolo saber, para retiralas axiña.
Grazas