Amosando publicacións coa etiqueta O amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O amor. Amosar todas as publicacións

19.2.14

NO MES DO AMOR, UN POEMA DE BICOS:



Un bico porque
                                                  si
Un bico porque
                    non
Un bico coma o
                    lume
Un bico cora-
                    zón
Un bico porque
                    re
Un bico porque
                    dó
Un bico porque
                    la
Un bico porque
                    sol
Un bico dó re
                    mi
Un bico acorde-
   ón
       Un bico dó si
                           fa
       Un bico percu-
                           sión
       Un bico porque
                   si
               Un bico, por que
                    non?

                         ( ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO )


19.3.11

Un home de Lugo criaba perdices


Un home de Lugo criaba perdices
pra que os namorados se amasen felices.

Criaba perdices con trigo e arroz
pra que os namorados se enchesen de amor.

Con trigo e arroz e verzas ben grandes
pra que os namorados de amor se fartasen.

Con verzas ben grandes e pedras de azucre
pra que os namorados se amasen nas nubes.

Con pedras de azucre e gromos de lirios
pra que os namorados sentisen delirios.

Con gromos de lirios criaba perdices
pra que os namorados de amor se fundisen.

E tantas perdices criou o bon home
que para si mesmo non buscou amores,

e cría que cría, perdendo a memoria
nun pau dun poleiro quedouse sen noiva.

Antón Cortizas."Era unha vez na quimbamba". Tambre

14.5.09

NASÍN CANDO AS PRANTAS NASEN


Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nuha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Des que te quixen, ingrato,
todo acabou para min,
que eras para min todo,
miña groria ,meu vivir.
........................................
........................................
O meu corazón che mando
cunha chave para o abrir,
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.
"CANTARES GALLEGOS"

ROSALÍA DE CASTRO."Escolma poética".ED Factoría K de libros.

15.3.09

O REI TIÑA UNHA FILLA

O rei tiña unha filla
que morría de amor,
e por vela curada,
sen máis declaración,
ó Amor,queiras non queiras,
do reino desterrou.

O Amor, moi xuicioso,
obedecendo a lei,
camiño do desterro
foise co que era seu:
cos bicos e coas rosas...
¡e coa filla do rei!

RAMÓN CABANILLAS"A rosa das cen follas"
Recollido de "Poetízate",de Fran Alonso

POR AMOR



Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.

Por amor sángranme os pulsos
e abréseme o corazón.
Por amos dóenme os ollos.
Por amor,só por amor.

DARÍO XOHÁN CABANA."Cantigas do setenta.A sede,a auga"
Recolllido en "Poetízate",de Fran Alonso.Ed Xerais
Imaxe "El beso" de Gustav Klimt
As imaxes e ilustracións de este blog teñen un carácter educativo. Si están suxeitas a dereitos de autor, facedenolo saber, para retiralas axiña.
Grazas